martes, 5 de junio de 2018

Entrega de premios do XXV Certame Literario do Concello de Cambre.

O venres 1 de xuño o salón de actos do noso instituto tivo a honra de acoller o acto de entrega de premios da XXV edición do Certame Literario do Concello de Cambre. Presentado por Andy e Sara, estudantes de 1º Bacharelato, o acto transcorreu nun ambiente distendido e ameno, iniciado polas palabras que dirixiron ao público o Director do noso IES, Félix Rodríguez Sanjurjo, e mais o concelleiro de Cultura Daniel Carballada. Varias actuacións musicais intercaláronse entre os premios, comezando polo pequeno concerto do coro do instituto, seguindo coa alumna de 2º Bacharelato Lucía Canabal á guitarra clásica, e rematando co dúo formado por Diego e Zaira de 1º Bach, con voz e piano. Tras recoller cadanseu premio deuse a opción de ler publicamente a obra gañadora, que foi aproveitada en varias ocasións dándonos así a oportunidade ao público asistente non só de desfrutarmos dos textos literarios, senón de saber por boca de quen os creou cales foron as súas motivacións. Palabras pola igualdade, contra os prexuízos e contra a discriminación de xénero pecharon este acto coa vontade de animar aos novos escritores e escritoras para a próxima convocatoria.

Artigo de La Opinión de A Coruña











Aquí algúns momentos... en breve intentaremos subir vídeos ilustrativos!

0 comentarios:

Publicar un comentario