Mostrando entradas con la etiqueta Encontro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Encontro. Mostrar todas las entradas

domingo, 23 de junio de 2019

Actividades do proxecto Afonso a escena

Ao longo deste curso desenvolveuse novamente o proxecto Afonso a escena, todas as actividades foron documentadas no blog do proxecto pero queríamos presentar aquí un resumo.
Mantense un coro estable, que se reune para ensaiar dous recreos da ESO semanais e un de bacharelato. Este coro participou no I Encontro de coros escolares do IES Afonso X O Sabio, realizado no Ágora da Coruña e no VI Encontro de coros escolares de Galicia, que tivo lugar no Teatro da Beneficiencia de Ortigueira, ademais tamén interviu nos distintos concertos que se desenvolveron no curso no noso centro (Fin de curso, acto de Graduación e Nadal).

Para poder realizar todas estas actividades realizáronse ensaios semanais fóra das nosas aulas, abríndose as clases de música ao alumnado, para que prepare as distintas cancións e aprenda a cantar e a tocar diversos instrumentos, ademáis de comer co alumnado un martes ao mes e realizar un ensaio específico e realizar distintos obradoiros de interpretación con profesorado especialista.

Por último, traballouse co alumnado dos centros adscritos de primaria (CEIP Graxal, Portofaro e Wenceslao Fernández Flórez) para realizar unha serie de obradoiros de técnica vocal e, no noso centro, interpretar todos xuntos unha canción (Miña terra galega)

Paralelamente, cos grupos de artes escénicas e danza traballouse para colaborar con distintas actividades do centro, realizándose unhas interpretacións de Shakespeare o día de entrega de premios do XXV Concurso de relatos hiperbreves e da interpretación dun pequeno musical de creación propia.

miércoles, 20 de febrero de 2019

Crítica do I Encontro de coros escolares do IES Afonso X O Sabio

Onte, día 19 de febreiro, tivo lugar o I Encontro de coros escolares do IES Afonso X O Sabio, no centro Ágora (A Coruña). Para este evento, xuntáronse 200 estudantes dos coros dos institutos de IES Salvador de Madariaga (A Coruña), IES A Sardiñeira (A Coruña), IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Sofía Casanova (Ferrol), IES de Ortigueira (Ortigueira) e IES Antón Losada Diéguez (A Estrada). A actividade está realizada dentro do marco do proxecto Afonso a escena, co cal pretendemos favorecer a práctica das artes escénicas e mellorar a excelencia do noso alumnado a través dela.

Os coros escolares son actividades voluntarias que fan algúns docentes de música no seu tempo libre para poder desenvolver prácticas artísticas grupais, toda vez que fan que o alumnado adolescente teña unha relación máis sana co seu corpo e se favoreza o diálogo e a comunicación entre as persoas e se mellore a convivencia dos centros nos que se leva a cabo.

Os coros dos que disfrutamos onte son actividades abertas a todo o alumnado do seu centro, son inclusivos e participativos, xuntando estudantes e docentes e fomentando outro tipo de relacións cos centros que os desenvolven. En Galicia temos algúns dos mellores coros escolares de España e o concerto de onte, realizado grazas á colaboración do Concello da Coruña, do IES Salvador de Madariaga, do IES Afonso X O Sabio e do Centro Ágora, foi unha mostra do mesmo.

O Concerto rematou cunha peza dirixida polo director de coros José Antonio García Mato, a peza escollida foi un pequeno canon renacentista de Melchior Franck (ca. 1580-1639), chamada orixinalmente Da pacem domine, pero que neste caso fixo que todos os asistentes cantasen Sine musica nulla vita, frase atribuida a Nietzsche.


Cartel do concerto, realizado por Yupiyeyo


Coro do IES de Ortigueira. Director José Antonio García Mato:

Coro do IES Antón Losada Diéguez,. Directora Consuelo Millán:


Coro do IES Afonso X O Sabio. Director Rosa Rodríguez Rivas:


Coro do IES Salvador de Madariaga. Directora Irene Caeiro:


Coro do IES A Sardiñeira. Director Francisco Jordá:


Coro do IES Sofía Casanova. Directora Almudena Armada:


Todos xuntos montando a peza común. Director José Antonio García Mato do proxecto vocal Concerto Tempo:


E aquí unha mostra da canción final montada xusto no concerto, con público diante e cun ensaio duns poucos minutos... porque para o noso alumnado sen música non hai vida que mereza a pena ser vivida!!!


martes, 12 de febrero de 2019

I Encontro de Coros Escolares do IES Afonso X O Sabio

Desde o noso instituto estamos moi contentos de compartir, con toda a nosa comunidade educativa, que estamos organizado un concerto de coros escolares para o próximo día 19 de febreiro no Ágora, no que participará o alumnado do noso coro e outros cinco centros máis da contorna.

O concerto terá lugar ás 11 30 e estades todos e todas invitados...cunha sorpresa ao final.
Anuncio en La opinión de A Coruña


miércoles, 20 de junio de 2018

Participación do alumnado no IV Encontro de coros escolares de Galicia

Hoxe pola mañá, o alumnado do noso coro participou no IV Encontro de coros escolares que tivo lugar en Ortigueira.

Para o evento, preparamos tres cancións para facer de xeito individual, acompañados polo noso pianista Diego Martínez Bello, e logo ensaiamos dúas cancións para facer co coro do IES de Ortigueira: Banaha e Engine engine. Cada unha delas realizada cun director diferente.

Así o noso alumnado tivo o privilexio de actuar, nun concerto aberto a todo o concello de Ortigueira, no Teatro de la Beneficiencia, precioso espazo construido a finais do século XIX, ademais de volver a traballar con José Antonio García Mato e de facer amigos e amigas novos... xa quedamos para que veñan estes estudantes ao noso concello para o próximo ano!!!


Aquí imaxes dos nosos e as nosas coralistas ensaiando nada máis chegar ao teatro:



Despois xuntámonos ao coro do IES de Ortigueira e comezamos a traballar con José Antonio García Mato:















Finalmente traballamos con Beatriz Alonso a última das pezas que se facían no concerto:





Un saúdo e iremos subindo os vídeos no canle de vídeos do departamento de música do instituto.

domingo, 29 de abril de 2018

O alumnado participa nun macroconcerto en Vigo

Este xoves, parte do alumnado de música do IES Afonso X O Sabio volveu a participar nun macroconcerto (porque fomos 800 estudantes os que estivemos en total) no Auditorio do Mar de Vigo, o VII Encontro de alumnado de música de secundaria de Galicia, organizado por Asomúsica.

O concerto, do que faremos un pequeno vídeo, consistiu na presencia de 16 centros de secundaria de toda Galicia (desde Salvaterra de Miño ata Cariño e Ortigueira, pasando por Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Boiro, Mondariz, Betanzos, Boqueixón, Carballo, Noia, A Coruña e por suposto o noso centro de Cambre). Estes estudantes, puideron ver o que facían outros compañeiros, interpretar eles unas cancións e, finalmente, tamén asistir a un obradoiro sobre unha das seguintes temáticas: danzas do mundo, baile galego, xogos vocais e percusión latina. Estes obradoiros tiñan lugar tamén no propio auditorio. Despois comimos todos xuntos na zona do náutico e, desgrazadamente, tivemos que regresar a nosa casa deixando atrás un día estupendo.

O día comezou chegando á Ría de Vigo, onde puidemos ver a Illa de San Simón e, ao fondo, as Illas Cíes. No medio vimos as características bateas.

Despois, como bos músicos, descargamos os nosos instrumentos no auditorio e, o noso alumnado (que se portou fantásticamente ben) deixou ordenadamente todo nun lateral do enorme escenario. Nese momento estaba o alcalde Abel Caballero recibindo a todo o alumnado e desexando que desfrutasen do evento.

Despois, puidemos ver o traballo dos distintos institutos... que foi boísimo, por suposto gustáronos máis unhas cancións que outras, pero tomamos boa nota para futuros arranxos e creacións, e tamén do ben que se traballa noutros centros e de como comportarse no escenario (cousa que os nosos fixeron de marabilla).

Nós tivemos a grandísima sorte de ser os últimos, despois do IES Parga Pondal de Carballo coa súa estupenda orquestra Orff e despois do magnífico coro do IES A Xunqueira I de Pontevedra. O noso alumnado estaba moi nervioso entre bambalinas, compartindo o momento co profe do IES Salvaterra de Miño e músico de moitísimos proxectos como a Banda Crebinsky ou o cuarteto Caramuxo, quen nos deu consellos mentres facía de mestre de cerimonias. Do noso presentador exerceu Martín Barbeito, que nos consta que tivo moitísimo éxito (parece ser que todos o queren coñecer) e presentou as cancións que interpretaron Zaira Aguedo e Diego Martínez (Pink), o Coro do instituto (Over my head, espiritual negro) e, finalmente, o grupo de música de 1ºBACH (Ain´t nobody, loves me better).

Foi difícil sair sen proba de son anterior, pero cos fabulosos técnicos de son que tivemos na sala todo saiu estupendamente... houbo moitos nervios porque, cando se toca nun escenario tan grande o son non se escoita ben no escenario pero si na zona do público e é difícil acostumarse.... pero cando un está ahí, vendo o auditorio apagado e cheo das luces dos móbiles, o público aplaudindo a rabiar... foi difícil ternos que ir do escenario!!!

En resumo, foi unha experiencia preciosa que disfrutamos un montón e as profes de música sentímonos orgullosísimas do traballo dos e das estudantes.

Participaron no concerto o alumnado do coro que está entre 1ºESO e 4ºESO e o grupo de bacharelato. A todos eles e, especialmente, ao alumnado do coro, moitas grazas polo traballo diario. A música é un vínculo que se establece moi rápido cando se interpreta... pero canto traballo da chegala a interpretar tan ben!