domingo, 9 de abril de 2017

Obradoiro de voz para o alumnado de 6º de primaria

Os pasados días 30 e 31 de marzo tivo lugar, no noso centro, outra actividade do proxecto "Afonso a escena", que consistiu nun obradoiro de voz e canto para o alumnado de 6º de primaria dos colexios adscritos ao IES Afonso X O Sabio: CEIP O Graxal, CEIP Portofaro e CEIP Wenceslao Fernández Flórez.

O alumnado de 6º de primaria acudiu moi nervioso e excitado ao que, para moitos, será o seu próximo centro educativo o próximo curso, tiveron a oportunidade de coñecer a algún dos seus futuros docentes e, o máis importante de todo, puideron realizar un obradoiro de voz co gran Ramón Bermejo, director do Coro da Ra e profesor de canto de recoñecido prestixio.

Grazas á xenerosidade de Ramón fixemos 7 obradoiros para o alumnado de 6º de primaria, así como puidemos dedicar unha sesión para o alumnado de secundaria integrante do recentemente creado Coro do IES Afonso X O Sabio.

Desde aquí agradecer sinceramente a actitude de todos os rapaces e rapazas, os profesores e as profesoras dos colexios implicados (especialmente as fabulosas mestras de música coas que é sempre un absoluto placer traballar) e, sobre todo, de Ramón. Vémonos en xuño cando os colexios volten outra vez ao noso IES, esperarémosvos cos brazos abertos para seguir facendo música, aprendendo e divertíndonos moito.







E tamén temos imaxes deste miniobradoiro para o Coro do IES Afonso X O Sabio




0 comentarios:

Publicar un comentario