sábado, 28 de mayo de 2016

Excursión do departamento de Relixión

O pasado xoves 19 de maio o departamento de Relixión organizou unha actividade para o alumnado de 3º e 4º da ESO consistente nunha excursión pola provincia de Pontevedra.

A primeira parada foi en Campaña, concello de Valga (Pontevedra), para poder ver as máis de 4000 figuras que compoñen o Belén Artesanal. O Nacemento combina as escenas relixiosas coas referencias a asuntos da actualidade. Así, entre os pastores e os Reis Magos, houbo este Nadal peregrinos que camiñan cara Santiago coas camisetas vermellas da selección española de fútbol. Tamén hai un concurso para descubrir un famoso oculto.



A segunda parada tivo lugar no concello de Barro, onde visitamos o Parque Natural do río Barosa, uns momentos de lecer para poder apreciar un complexo etnográfico con case vinte muíños en diferente estado de conservación.

O seguinte destino foi a visita da capela da Nosa Señora da Lanzada, a capela románica construíuse sobre os restos doutra igrexa máis antiga ligada á fortaleza construída no século X para defender, xunto ás Torres do Oeste en Catoira e ás de Cambados, as terras de Compostela dos invasores viquingos e normandos.


A planta da capela é rectangular, cunha soa nave en dous treitos separados por un arco sobre piares. Unha bóveda lixeiramente apuntada forma a cuberta da nave maior. No interior saliente o retablo barroco onde se atopa a imaxe da virxe da Lanzada.

Así, a capela relaciónase desde a antigüidade co rito da fecundidade do baño das nove ondas na praia da Lanzada. Na última fin de semana de agosto, celébrase a romaría da Virxe da Lanzada. Na noite do sábado acoden centos de mulleres que desexan acabar coa súa infertilidade, para iso deben someterse ao baño das nove ondas á media noite. No amencer teñen que ir á ermida e varrer o chan para desfacer todo tipo de meigallos e males de ollo e, a seguir, realizar a ofrenda á virxe. Trala misa faise a procesión. Tamén é común que o baño sexa na noite de San Xoán e non só para obter fertilidade senón para curar doentes e incluso animais.


Existe outra lenda de fecundidade que consiste en pór ofrendas florais no chamado leito da virxe, unha rocha que se atopa na rompente da ermida. Antigas lendas aseguran a existencia de túneles que comunicaban a costa coas illas de Ons.

Os mariñeiros tamén solicitan os favores da virxe para os protexer dos perigos do mar, mostra disto dan os exvotos en xeito de miniaturas de barcos pendurados no interior da capela.


O lugar, antes illa e hoxe istmo, estivo habitado dende  tempos remotos, testemuño diso son os innumerábeis restos achados tanto no antigo poboado castrexo coma na necrópole que se atopa nas inmediacións con numerosos restos romanos. No lugar atopábase presuntamente un faro fenicio ou quizáis romano.

O Xantar fixérono no monte da Siradella, cunhas espectaculares vistas sobre o istmo da Lanzada, e finalmente, tiveron unhas horas de lecer na praia de Silgar en Sanxenxo.

0 comentarios:

Publicar un comentario