lunes, 8 de febrero de 2021

Premio á innovación educativa

 O noso Instituto está de noraboa, vimos de gañar o 2º premio á innovación educativa INNOVAGAL, un novo premio para o programa de convivencia que desenvolvemos no noso centro desde hai case vinte anos. Ademais somos o único centro galego con dous premios no noso centro educativo, xa que unha docente do noso claustro levou o premio en categoría individual.

O programa de convivencia premiado está composto por diversos tipos de actuacións que buscan diminuir a gravidade dos conflitos e mellorar a convivencia da nosa comunidade educativa. Para tal fin contamos cun programa de alumnado mediador e outro de alumnado axudante, para o cal os e as estudantes voluntarias reciben un curso de formación anual sobre cuestións relacionadas coa resolución de conflitos, a mediación entre iguais ou a empatía. Por outra banda, o centro conta con aula de reflexión e aula de convivencia, co apoio de profesorado voluntario que ademais segue cursos de formación anuais que se levan desenvolvendo no centro desde hai máis de 10 anos, grazas aos cais tivemos no noso instituto a docentes de primeiro nivel como Nélida Zaitegi, Juan Vaello, Mar Romera ou Ricardo Fandiño, pero tamén realizamos cursos de formación noutras temáticas transversais como é a igualdade. Nesta liña cabe dicir que agora o proxecto de convivencia está relacionado con diversos proxectos Erasmus+ cos cales intentamos levar a nosa experiencia en convivencia ao ámbito internacional, de forma que compartimos con outros centros estranxeiros as nosas experiencias en resolución pacífica de conflitos á vez que aprendemos doutras realidades educativas, que presentan ás súas propias propostas de mellora de convivencia, nesta liña desenvolvimos os proxectos Crush (2015-17), Horizon to the future (2015-18), Stage (2019-22) e Musicvibe (2020-22). Por último, cabe sinalar que o centro tamén conta cun interesante programa de transición entre a primaria e a secundaria, coa que nos últimos anos facíamos obradoiros de música entre o alumnado de 6ºprimaria dos centros adscritos (tanto no noso instituto como nos seus propios colexios) e acabábamos facendo un concerto conxunto grazas á colaboración entre o profesorado de música dos CEIP Graxal, Wenceslao Fernández Flórez e Portofaro e o do IES Afonso X O Sabio, no que destaca a implicación do coro do instituto.

Paralelamente o noso instituto está orgullosísimo porque unha profesora do noso claustro, Isabel González Piñeiro, de xeografía e historia, ven de gañar o premio á mellor docente no ámbito de humanidades. Desde aquí queremos agradecer o marabilloso traballo de Isabel, non só por motivar ao alumnado sen límite, senón por ser tan boa compañeira e titora, por compartir con nós toda a súa experiencia e bo traballo e, finalmente, por recordarnos que a temos a mellor profesión que existe e que, día a día, encontrámonos con docentes como ela, que a través de distintos proxectos conseguen ilusionar a todo o alumnado para desenvolverse e aprender (a través da historia) e a ser mellores persoas.

Artigo en La Opinión de A Coruña

Artigo en El noticiero de Arteixo


0 comentarios:

Publicar un comentario