O IES Afonso X O Sabio está desenvolvendo, desde hai máis de 15 
anos, un dos proxectos máis innovadores de Galicia para mellorar a 
convivencia do centro. Dentro das distintas iniciativas que se 
desenvolven anualmente, unha das máis importantes son as actividades de 
formación que se ofrecen ao profesorado, xa que desde a Comunidade 
Educativa consideramos que debemos seguir, permanentemente, mellorando 
as competencias profesionais do profesorado, de forma que garantamos a 
mellor educación e formación posible para o alumnado do centro. Así 
pois, o próximo día 16 de xaneiro terá lugar, no IES Afonso X O Sabio, 
unha actividade formativa encadrada dentro do itinerario de Convivencia 
do Plan de Formación do Profesorado do instituto, que engloba tres 
grupos de traballo diferenciados e diversos cursos sobre temáticas 
variadas.
Neste caso contaremos coa presenza de Ricardo Fandiño, psicólogo clínico e presidente de ASEIA, é ademais coautor do libro La lucha sexual de los adolescentes en la hipermodernidad 
 (en colaboración con Vanessa Rodríguez Pousada, UOC, 2018). A través 
desta formación, dotarase ao profesorado do IES Afonso X O Sabio de 
coñecementos que lles permitan omprender dun xeito máis amplo a 
realidade adolescente contemporánea, creando un espazo de encontro e 
confianza no que se compartan ferramentas básicas no eido da xestión 
emocional da adolescencia. Os contidos da actividade versarán sobre as 
características xerais da adolescencia contemporánea, a maduración, 
crise e conflito; a centralidade social; o doble cego adolescente e o 
paso ao período adulto; a relación adulto-adolescente; a educación na 
xestión das emocións e, finalmente, a loita sexual dos adolescentes 
contemporáneos. 
 
 
 
 
 
 
 
 
